Saturday 18 de May de 2024

A Xunta destaca que a Rede Galega de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero conta xa con 158 concellos adheridos


A rede creouse en setembro de 2012, a través dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e a Fegamp

A Xunta recorda que a ‘Rede Galega de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero’ conta xa con 158 concellos adheridos. Esta rede creouse en setembro de 2012, a través dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

O obxectivo central desta plataforma é promover e apoiar proxectos de prevención da violencia machista e detención precoz de situacións de risco, mobilizando e implicando a toda a sociedade fronte o maltrato e xeneralizando a tolerancia cero contra as persoas agresoras.

Colaborando con 80 CIMs
Igualmente, o Goberno autonómico tamén colabora economicamente cos concellos a través dunha axuda anual que achega máis de 3 millóns de euros para o mantemento e funcionamento de 80 Centros de Información á Muller (CIM), que cobren a totalidade do territorio galego, en concellos de distintas cores políticas.

A través destes centros de titularidade municipal, garántese a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; así como información sobre recursos específicos para ás mulleres vítimas da violencia de xénero e os seus fillos e fillas.

Un 17 por cento máis contra a violencia de xénero
O compromiso da Xunta de Galicia coa loita contra a violencia de xénero ten sempre un reflexo real nos seus Orzamentos. Así, por exemplo, neste ano 2015 as partidas destinadas ao ámbito da violencia machista víronse reforzadas cun aumento do 17 por cento respecto ao exercicio anterior.

Este compromiso coas vítimas desta lacra tamén se reflicte coas axudas anuais se lle ofrecen ás mulleres que sofren malos tratos -case dous millóns este ano-; así como asistencia psicolóxica e xurídica, apoio social e laboral e outros moitos recursos para favorecer a súa saída do chamado ‘Ciclo da Violencia’.

A Xunta de Galicia reitera a súa máis firme condena polo acto de violencia de xénero que lle custou a vida a Divina Mendes Peeira da Silva, no día de onte en Vigo; ao tempo que fai un chamamento a toda a sociedade para que se rebele contra esta repudiable lacra e lembra ás vítimas que teñen a súa disposición o teléfono gratuíto 016.